Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 18 Abril 2025.

CCOO reclama medidas «urxentes» para erradicar a fenda salarial entre mulleres e homes en Galicia

    Ás portas co 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, CCOO publica un informe sobre a desigualdade salarial. Un ano máis, o documento pon de manifesto a persistencia da fenda de xénero no mercado laboral galego. Malia os avances en materia de igualdade, a fenda salarial continúa afectando as mulleres en todas as etapas da súa vida laboral e na xubilación. «A situación de subordinación sociolaboral das mulleres perpetúa unha retroalimentación que converte a desigualdade en discriminacións», advirte o sindicato.

    06/03/2025.
    Temas
    CCOO reclama medidas urxentes contra a fenda salarial

    CCOO reclama medidas urxentes contra a fenda salarial

    O informe revela que as mulleres galegas perciben un salario medio anual de 20 840 euros, fronte aos 25 527 euros dos homes, o que supón unha fenda salarial do 22,49 %. A situación agrávase na xubilación, onde a diferenza nas pensións ascende ao 31,72 %. En termos relativos, isto significa que as mulleres en Galicia traballan gratis arredor de 82 días ao ano en comparación cos homes, ou sexa, case tres meses.

    Por isto, CCOO subliña que a loita pola erradicación da fenda salarial é unha «cuestión de xustiza social». O sindicato insiste en que, a pesar dos progresos logrados coa reforma laboral e a obrigatoriedade dos plans de igualdade, a desigualdade retributiva segue sendo unha realidade en Galicia.

    A segregación laboral, a maior contratación temporal e a parcialidade involuntaria son algúns dos factores que manteñen a fenda salarial. No ano 2024, máis do 63 % dos contratos a tempo parcial foron asinados por mulleres, mentres que os contratos a tempo completo seguen altamente masculinizados.

    Ademais da fenda salarial, CCOO denuncia unha fenda dos coidados, pois este cometido continúa recaendo fundamentalmente sobre as mulleres, dificultando o seu acceso a postos de maior responsabilidade e mellor remunerados. O informe evidencia que seis de cada dez persoas que asumen o coidado de dependentes son mulleres, e sete de cada dez coidadoras tiveron que reducir ou abandonar o emprego por esta responsabilidade.

    Fronte a esta realidade, CCOO esixe accións inmediatas para reducir a fenda salarial e mellorar a situación das mulleres no mercado laboral. Entre as propostas sindicais destacan a promoción da corresponsabilidade nos coidados, a supervisión efectiva dos plans de igualdade nas empresas, a implantación de medidas que favorezan a estabilidade e calidade do emprego feminino e o reforzamento do Pacto Estatal polos Coidados.

    O sindicato tamén alerta sobre o perigo dun retroceso nos dereitos laborais e sociais das mulleres debido ao ascenso de discursos reaccionarios que cuestionan as políticas de igualdade. «Sen igualdade non hai democracia», salienta o sindicato, ao tempo que manifesta o seu compromiso cun sindicalismo feminista que loita pola equidade e polos dereitos das mulleres traballadoras.

    Actos en que participará CCOO este 8M

    — A Coruña. O 7 de marzo, ás 11 horas, lectura do manifesto e ofrenda floral no monumento ás cigarreiras. O 8 de marzo, ás 20 horas, manifestación con saída do Obelisco e remate na praza das Cigarreiras.

    — Santiago. O 7 de marzo, ás 12 horas, lectura do manifesto diante do edificio dos sindicatos. O 8 de marzo, ás 18 horas, manifestación con saída da Praza 8 de Marzo.

    — Ferrol. O 8 de marzo, ás 20 horas, manifestación con saída da praza de Amada García e remate na praza de Armas.

    — Lugo. O 8 de marzo, ás 20 horas, manifestación con saída da Porta Falsa e remate no Concello.

    — Ourense. O 7 de marzo, ás 11 horas, lectura do manifesto diante do local sindical. O 8 de marzo, ás 19 horas, manifestación con saída da Subdelegación do Goberno e remate no Concello.

    — Vigo. O 6 de marzo, ás 11 horas, asemblea de mulleres. O 8 de marzo, ás 18 horas, manifestación con saída da praza de España.

    — Pontevedra. O 8 de marzo, ás 20 horas, manifestación con saída da Praza da Ferrería.